viernes, 7 de enero de 2011

MERCA O CALENDARIO DO CLUB


De futbolistas a modelos espidos
Os xogadores do primeiro equipo do Cabo de Cruz deixáronse fotografar sen roupa para un calendario co obxectivo de sanear as contas da entidade


Autor: M. X. Blanco
LA voz. 17/12/2010
Cando o que se persegue é recadar diñeiro, a vergoña e a timidez ábrenlle paso á valentía. Sábeno os xogadores do primeiro equipo do Cabo de Cruz, que non dubidaron en deixarse fotografar espidos por unha boa causa: recadar fondos para sanear as contas da entidade. O calendario no que aparecen está causando furor, pois hai un milleiro de persoas que xa o adquiriron.
A idea xurdiu da nova directiva do club, formada por xogadores: «Collemos as rendas da entidade este ano e vimos que era preciso levar a cabo iniciativas co fin de darlle unha estabilidade económica. Unha que se nos ocorreu foi esta, de vender un calendario», explicou o presidente, Nolo Romero.
A cabeza visible do club crucense recoñece que, nun principio, tivo dúbidas sobre a resposta dos xogadores: «Pensei que algún ía poñer pegas, pero todo o contrario». De feito, na iniciativa colaboraron 17 futbolistas e os que fallaron foi por cuestións de carácter laboral, pois o calendario que está á venda é o froito de dúas sesións de fotografías.
Dous colaboradores
Para levalas a cabo, o Cabo de Cruz botou man dun afeccionado á fotografía, Miguel Candiño, tamén veciño da localidade e, como tal, concienciado coa causa. A entidade deportiva tamén contou coa colaboración dunha empresa do pobo, o restaurante Abadía de San Enrique, establecemento que exerce de patrocinador.


Os xogadores tiveron que someterse en dúas ocasións á presión do obxectivo, unha na casa, é dicir, no campo de fútbol de Valiño, e outra no terreo de xogo de Vista Alegre. Da batería de imaxes que Candiño tomou coa súa cámara, os futbolistas fixeron unha selección. O resultado é un calendario cunha portada e catro páxinas interiores, pois está distribuído de forma trimestral. En total, aparecen unhas quince instantáneas, tanto de grupo como individuais.
Cada unha destas obras de arte que, ao mesmo tempo serven para consultar a data, xa está a disposición dos interesados polo módico prezo de cinco euros. Cos cartos que se recaden, a intención da directiva do club é financiar o funcionamento das categorías interiores, adquirir material e facer pequenos arranxos nos campos.
Nolo Romero comentou que, de momento, as ventas van moi ben: «Fixemos unha tirada enorme, de dous mil exemplares, e xa temos practicamente a metade vendidos, polo que non podemos queixarnos».
Aquelas persoas que aínda non colgaran na súa casa este calendario están a tempo de mercalo. Poden obtelo poñéndose en contacto con calquera dos membros do primeiro equipo do Cabo de Cruz ou tamén dirixíndose á Abadía de San Enrique. Está á venta tamén en diversos establecementos do municipio boirense.

No hay comentarios:

Publicar un comentario